Tuesday 14 de May de 2024

O conselleiro de Sanidade entrégalle ao alcalde de Noia o diploma de ouro da Rede Galega de Praias sen fume


 

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, entregoulle esta tarde ao alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, o diploma de ouro da Rede galega de praias se fume, xa que todas as súas praias forman parte desta rede que comezou a súa andaina no ano 2016, partindo dunha iniciativa do Concello de Baiona do ano 2012. O conselleiro de Sanidade destacou que, nestes momentos, 141 praias de 64 concellos integran a rede, “continuando coa liña de crecemento de anos anteriores”, posto que no 2016 a rede comezou con 26 praias e 19 concellos.

A entrega do diploma tivo lugar esta tarde na praia de Boa Grande, onde Vázquez Almuiña e Freire Abeijón estiveron acompañados polo director xeral de Saúde Pública, Andrés Paz-Ares Rodríguez, e os concelleiros e concelleiras Ángela Neri ARufe, Mariola López Cierto, Laura Salgado García e Martín Fernández Godón.

Freire Abeijón agradeceu o recoñecemento por unha iniciativa “que supón un beneficio triplo para os veciños e veciñas: primeiro porque desnormaliza o consumo de tabaco diante dos nosos fillos e fillas, segundo porque supón unha mellora na saúde das persoas e terceiro porque supón tamén un beneficio para o medio ambiente, evitando as cabichas tiradas polas nosas praias”.

Pola súa banda, Almuiña remarcou número de concellos coa acreditación de Ouro, posto que son xa dez con todas as súas praias dentro da rede. Eses concellos son Baiona, Corcubión, Rianxo, Barreiros, A Guarda, Noia, Vilaboa, Cerdedo-Cotobade, Dumbría e Cabana de Bergantiños. Ademais, outros 13 contan coa categoría de prata, é dicir, como mínimo, teñen a metade das praias do concello dentro da rede.

A Rede, posta en marcha pola Consellería de Sanidade, a través da súa Dirección Xeral de Saúde Pública, é cada vez máis extensa, repartida non só nos concellos da costa, senón, tamén, polas ribeiras dos ríos, xa que conta con 29 praias fluviais, o que facilita poder elixir espazos libres de fume do tabaco para desfrutar do tempo de ocio. Almuiña dixo que o obxectivo do seu departamento “é conseguir que, nos vindeiros anos, todas as praias galegas formen parte da rede, reto que so acadaremos coa implicación de todos”.